Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 116.000 euros en diferentes actuacións nas Somozas, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Juan Alonso Tembrás, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde das Somoza, Juan Alonso Tembrás, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O acto tivo lugar na Casa Consistorial das Somozas.
En total, investíronse algo máis de 116.000 euros en diversos proxectos, dos que o máis destacado é acondicionamento do entorno das edificacións que integran a Aula da Natureza do Seixidal, na propia parroquia das Somozas. En concreto, as obras executadas consistiron na limpeza e nivelación do terreo circundante, a construción de varios tramos pavimentados con formigón impreso e a instalación de diferentes puntos de luz.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso das Somozas, o municipio alberga 87 aeroxeneradores e máis de 2,8 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.